
Ola amigos, feliz ano 2009! Este Nadal alternei o visionado e revisionado dalgúns filmes coa amena leitura de "Eu acuso. A verdade en marcha", reflexións de Emile Zòla sobre o caso Dreyfuss e con algunha que outra saída gambiteril, por outra banda habitual en min, e máis en datas tan sinaladas. A continuación vou extraer, sequera, unhas breves reflexións sobre estes filmes, ou polo menos sobre os que máis me chamaron a atención. 1

Comecemos por Allen, un tipo que me gusta case sempre e, cando non me gusta, algo altamente improbábel e, sen embargo posíbel, polo menos non me aburre. Fixen un ciclo del. Algún filme vino por primeira vez e outro reviseino. "Vicky Cristina Barcelona" (2008) déixase ver sen problema, non digo que non, mais advírtese dende o primeiro plano unha sensación de compromiso, de patrocinio, de financiación, vamos, de encarga. A historia é case a mesma de sempre, os diálogos, interesantes, con algunha certa faísca de xenialidade. Juan Antonio convive con Cristina e con María Elena e, sen embargo, ama a Vicky. "Deconstructing Harry" (1997) é espléndida, corrosiva, romántica, entrañábel (Allen homenaxea, one more time, ao seu mestre Bergman), cunha sentencia sensacional: "A mellor frase da Historia non é quérote, senón é benigno". A xenialidade non abandona a Allen na súa hipocondría. "Mighty Aphrodite" (1995) deulle un merecidísimo Oscar a Mira Sorvino. Eu namoreime dela a través da súa personaxe, esa prostituta bondadosa e inocente. Un nunca querería deitarse con Linda. Preferiría que Linda o arroupase e despois de cantarlle algo, lle dese un biquiño de boas noites. Allen é único e irrepetíbel na construcción de personaxes. "The curse of the Jade Scorpion" (2000) está igual de fresca que sempre (pregúntome a onde irán Woody Allen e Helen Hunt) e "Melinda & Melinda" (2004) vése como quen mascha nun chicle, a pesares de Will Ferrell.

"Excalibur" (1981), de John Boorman: O mellor filme que se fixo sobre a materia de Bretaña? Pois pode ser, non cabe dúbida de que está estilosamente rodado, como xeralmente fai Boorman. Dende logo iso afirma si_maikel na espléndida laudatio que lle dedica neste mesmo blog e destas cousas sábelles un feixe. A min encántame "Monty Python and the Holy Grail " (1975), pero non me fagan moito caso, que eu sónlles bastante pallasete. "Carmina Burana" encaixa como unha luva.

"In the mood for love" (2000), de Won Kar-Wai: Que fermosa e que fodidamente triste! A partitura de Galasso é tan elegante como a montaxe e os movementos de cámara tan maxestuosos como algunha das liñas de diálogo. Claro, despois un ve "Happy together" (1997) e pensa "ostia, este fulano sabe o que fai". Bergman parecía mandar un aviso a navegantes no seu filme " Scener ur ett äktenskap" (1973): "Denantes de casar, pensade ben o que facedes, jalopíns". A mensaxe de Won Kar-Wai vai máis alá: "Denantes de vos namorar, pensade ben o que facedes, non vaia ser que vos pase como ao señor Chow e á señora Chan".

A filmografía íntegra de Kevin Smith, dende "Clerks" (1994) ata "Zack and Miri make a porno" (2008), aínda en carteleira. O de New Jersey é un cineasta a ter moi en conta, non xa só no circuito do cinema "indy" senón no cinema de grandes masas. Outros dous tipos a ter en conta, Rian Johnson ("Brick", 2005) e David Gordon Green ("George Washington", 2000). "Clerks" é hoxe unha obra de culto, sobria, divertida e moi mordaz, que xa nos amosa un tipo con ideas claras. E xurden, como lúcidos e singulares "antiherois", Jay e Silent Bob, tal se fosen Don Quixote e Sancho Panza, Roberto Alcázar e Pedrín ou Tintín e Milou. E que me din de Ben Affleck en "Chasing Amy" (1997)? A que está moi ben? E non é un xogo de palabras. Que peli tan bonita, tan melancólica, tan dura, tan accesíbel a todos os espectadores. Fíxenme fan de Kevin Smith en Facebook. E, seguindo con cinema independente, "Die welle" (2008) de Dennis Gansel non me interesa nen o máis mínimo. Meu Deus, é como unha puta peli de adolescentes, unha "teenie movie", pero con mensaxe e tratando dun xeito ao meu parecer bastante frívolo uns acontecementos históricos bastante complexos (o ascenso do nazismo en Alemaña). Por certo, o final advírtese dende un par de secuencias antes.

"The dark knight"(2008), de Christopher Nolan. Á segunda foi a vencida. Xa intentei vela enteira en Carril, pero o sono venceume, algo que nunca me pasara cun filme do meu superheroe predilecto, Batman. Unha peli lentísima, densa, moi densa, case máis que "Exodus" (1960), de Otto Preminger ou "Novecento" (1976) de Bernardo Bertolucci. E un tipo escribía atinadamente en Filmaffinity "u-la fotografía neste filme?" Quizais sexa o filme máis tenebroso que vin na miña vida. É unha película cuns diálogos vacuos, cunha historia ultraviolenta, insulsa e diría que, ás veces, ata infiel ao cómic de Kane. Se un xenio chamado Tim Burton nunca tivese filmado pelis de Batman, as de Nolan serían máis ou menos interesantes. Existindo o Batman de Burton, son bastante mediocriñas. Por suposto, as de Schumacher son máis malas que a carne do pescozo, pero non me comparen a filmografía de Schumacher, se exceptuamos "The client" (1994) ou "Falling down" (1993) co bo nome de Chris Nolan, que fixo unha parida como "Memento" (2000). Parida orixinal, pero parida a fin de contas. Onte volvín ver "Batman returns" (1992) na TVG. É marabillosa, probábelmente unha das mellores películas que existen sobre superheroes. O imaxinario burtoniano invádeo todo: o brillante e bizarro arsenal deste grande "animal" da Sétima Arte non pode ser máis efectivo, dende os encuadres, a escenografía e a maquillaxe ata a suxestiva banda sonora de Elfman. O Pingüino semella unha atormentada personaxe de Shakespeare. Catwoman, unha mestura entre a Audrey Hepburn de "Breakfast at Tiffany´s" (1961) e a Giuletta Massina de "Le notti di Cabiria" (1957). E daránlle o Oscar a Ledger? Se llo dan, entón a Nicholson, a De Vito ou a Michelle Pfeiffer deberían darlle o Nobel de algo. Amais, xa empeza a cansar un pouco o tema este dos psicópatas con Oscars, pensen nos últimos que se entregaron.

"Los girasoles ciegos" (2008), de J.L. Cuerda. Despois de que miña nai me repenicase durante varios días con esta peli, por aquilo de que se rodou en Ourense, accedín a vela. Non é que non quixese vela. É que non había unha premura no visionado. Tiña outras prioridades. Hoxe penso que Cuerda non será lembrado por este filme. A historia non atrae en absoluto, porque semella que todo está visto, o tema da Posguerra está xa moi manido. Hai personaxes sen desenvolver, como os de Martiño Rivas e Elena Escolar, ou o de Javier Cámara. O de este último constitúe un grave hándicap, dada a súa importancia no decorrer da trama. A falla de roturación psicolóxica ocasiona unha notoria falta de empatía do espectador cos protagonistas, o cal deriva nun progresivo desapego coa historia e unha lóxica ausencia de emoción cando se produce o agardado e previsíbel clímax. Meu Deus, se se vé ás leguas que Cámara se tira nunha fodida colchoneta!!!!!!!!
Ah e cando Raúl Arévalo e Maribel Verdú están na Praza Maior, que é onde a convida a un xelado mentres conversan sobre a vocación de Roger Príncep, hai un fallo de ráccord clamoroso e que axiña comprobarán quenes coñezan a cidade de Ourense. Dito isto, a min non me caen os aneis á hora de defender o noso. Oxalá "Los girasoles ciegos" arrase nos Goya, aspire a un Oscar e acabe gañándoo.
Xa non me apetece escribir máis por hoxe. Sigan enchendo as salas de cine, sigan desfrutando coa maxia do celuloide. Nós seguiremos opinando, para ben ou para mal.
Alberto R.
1: Sí, amigos, son eu coas miñas jafas de ver eclipses, que emprego tamén para ver as pelis de Lars von Trier e o último Lynch. A fotografía está tomada, con cámara oculta, despois de ver por décima vez "INLAND EMPIRE".
No comments:
Post a Comment