
Se hoxe ven vostedes os telexornais, hai unha nova que aparece en case todos: Cayetano Rivera vapuleado por un astado nunha corrida en El Puerto. Está grave. Pois esa non é a nova máis importante de hoxe. Estou conmocionado. Puxen a radio despois de xantar, como case sempre nestas longuísimas tardes estivais. A nova máis relevante que aconteceu hoxe é a morte do xenio de Uppsala. A morte de Ingmar Bergman. Agora xa non queda nada.
Descubrín a

Bergman cando remataba os meus estudos no Instituto. Non lembro exactamente cal foi o primeiro filme que vin. Pode que fose
"O sétimo selo" (1957) ou pode que fose
"O manancial da doncela"(1959). Iso agora é o de menos. Ao longo destes anos vin moitos máis filmes del.
"Fresas silvestres" (1957), unha sorte de
"road movie" con memórabel interpetación de Sjöstrom incluida e fermosísimas evocacións dun pasado que xa non volverá;
"Un verán con Mónica" (1953), filme amábel e sen pretensións intelectuais que xa trata con eficacia o temas das relacións sentimentais tempestuosas, neste caso entre adolescentes;
"Cara a cara" (1976), Bergman desconfía da psicoanálise neste discreto filme na que foi nominado ao Óscar á mellor dirección e que d

estaca polas brillantes interpretacións de Liv Ullmann e Erland Josephson ;
"O rostro" (1958), no que entre outros temas, trata dunha das grandes paixóns do noso autor, o mundo do teatro;
"Segredos dun matrimonio" (1974), filme que a miña moza e máis eu veremos denantes de casarmos, agardo que non con efectos disuasorios e sublime man a man entre Josephson e Ullmann, que ten a súa secuela en
"Sarabande" (2003) ;
"Gritos y susurros" (1972), a morte a soidade, o medo ao semellante e a opresión do pasado dánse cita nun dos máis brillantes filmes que vin en toda a miña vida (con Harriet Andersson, Ingrid Thulin e Liv Ullmann);
"Sonata de outono" (1978), Ingrid Bergman fai un papelón como virtuosa pianista que un bo día se reencontra con súa filla, a tamén pianista Liv Ullmann, obrigándoa a revivir un traumático

pasado;
"Sorrisos dunha noite de verán" (1955), paseino en grande vendo esta espléndida comedia, inusual no mestre Bergman, á que lle debe moito "A comedia sexual dunha noite de verán" (1982), de Woody Allen;
"Persoa" (1966), xunto con
"O sétimo selo" e
"Gritos y susurros", o mellor filme de Ingmar Bergman, repleta de simboloxía e sensacionais primeiros planos de Liv Ullmann e máis de Bibi Andersson "Fanny e Alexander" (1982), último Óscar que, en principio, semellaba o derradeiro filme do seu autor, ata que chegou
"Sarabande" en 2003 que, aínda que comezou véndose na televisión, axiña se pasaría polos cines con grande éxito de público ...etc.
En fin, morreu un dos grandes "gurús" daquilo que, hai unhas décadas, se deu en chamar "cinema de arte e ensaio". Ingmar Bergman, como o cabaleiro Antonius Block, maxistralmente interpretado por Max Von Sydow en "O sétimo selo", xogou unha partida de xadrez coa morte. E perdeu. Ou quedaron en táboas, quen o sabe. Para rematar, unha frase do crítico Oti Rodríguez Marchante sobre o mestre: "Ver sus películas no es tan bueno ni tan necesario como volverlas a ver." Descanse en paz.
Alberto Rodríguez
No comments:
Post a Comment