Friday, February 22, 2008

Cloverfield: O ataque da caixa negra de cincuenta pés


E agora vén o JJ Abrams co seu monosabio, un tal Reeves, que conta no seu currículum o guión e máis a dirección da teleserie Felicity, e venderánnos a moto sobre o magnífica e innovadora película que é Cloverfield. Pois vaia cousa… Innovadora, ¿por que? ¿Que innova? É un filme de monstro que ataca unha cidade –¿por que sempre hai que escarallar NY?-, como tantos que se teñen feito (Godzilla, The host, King Kong…). É un filme rodado simulando a filmación dun videoaficionado (vid. Holocausto caníbal, The Blair witch project ou [REC]), xa ve vostede que pedazo de innovación.

É un filme magnífico. ¿Por que? ¿Onde reside a excelencia deste filme? ¿Na escena da decapitación da Estatua da Liberdade? Pode ser. ¿Na súa curta duración? Non che digo que non. ¿Por que o monstro non patea nunca, por que é inmune a toda sorte de munición, por que non morre como Godzilla ou King Kong? ¿Estará feito da mesma materia que a cámara de vídeo do pailán que nos serve a exclusiva do ataque? En Internet había algún que outro foreiro que, padecendo algunha súpeta e estraña parafilia, ardía en desexos de ir a un cine a visionar Cloverfield para ver que pinta tiña o monstro de marras, que seica non o amosaban nos tráilers. Se aínda fose para ver á miña amada Scarlett, ou a unha Daryl Hannah de cincuenta pés, vale. Para ver unha caixa negra de cincuenta pés!!!! En Internet hai perturbados que consideran Cloverfield unha obra mestra produto da posmodernidade cinematográfica, o Godzilla da era Youtube. Pobre Godzilla, o mítico King of the monsters, creado no ano 1954 por Ishirô Honda, co que eu me criei, comendo bocatas de Nocilla e de Tulipán, fitando abraiado para a tele de catorce pulgadas, coido que aínda en branco e negro. Que tempos. Son goku, Magnum, O coche fantástico, V

¿Por que ninguén conta nada sobre o monstro de Cloverfield? ¿De onde sae? ¿Dunhas secretas e perigosas probas nucleares descontroladas? ¿Dunha visguenta substancia de orixe extraterrestre? ¿Será o Leviatán que vaticinaron Rouco Varela e o séquito de sinistros mitrados no concurrido botellón-aquelarre da Praza de Colón? Chi lo sa… A peña quere respostas, señores, quere saber a xenealoxía do becho, para poder catalogala, dende un ponto de vista zoolóxico, criptozoolóxico ou mítico. Algún alpabarda dos foros varios que inundan a “rede de redes” di que iso non ten relevancia alguna, o importante é ver o que fan os “colgados” de turno para resistir o ataque da criatura. ¡Vállame Deus!

¿Por que os “colgados” sobreviven ao accidente do helicóptero? ¿Por que o piloto do helicóptero é tan parvo que fai despegar o aparello sobre a vertical dun temíbel monstro encarraxado? ¿Non é obvio de máis? Roland Emmerich fixo unha peli máis xeitosa, menos trampulleira e, sobre todo, moi entretida. Sendo unha peli mediocre. ¿The host? Unha fodida obra mestra, con perdón da súa cara.

O máis interesante de Cloverfield é o tema musical dos créditos finais, Roar, composto polo espléndido compositor Michael Giacchino. Desfrútena con saúde, que a min dáme a risa.

Alberto Rodríguez

No comments: