A primeira consideración que teño que facer sobre a gala de onte é que foi curta, algo que é de agradecer polos que a tivemos que papar enteira, sobre todo porque exhibiu una calidade pésima, o cal é sabido cando a presenta un actor de medio pelo como José Corbacho. Unha copia máis da industria hollywodiense, mestres de ceremonias irrelevantes para non ensombrecer a noite das verdadeiras estrelas. ¿Quenes son Whoopi Goldberg, Steve Martin ou Billy Cristal? A mellor gala dos Goya que eu vin estaba presentada por Antonio Resines e máis por Monserrat Caballé. Por certo, a parodia final de Javier Bardem e a tétrica alusión a Carlos Boyero sobraban. Mal andamos cando para parecer chistoso temos que recorrer á zafiedade e ao chiste groso. Agora vamos falar de cinema.

Dos chamados “premios técnicos” tampouco teño moito que dicir. Arramplou con case todos “El orfanato”. Quizais destacar o Goya á mellor montaxe para “REC”, filme cuxo atractivo fundamental reside precisamente nese apartado, montaxe. A canción “Fado de saudade”, do documental de Carlos Saura “Fados”, gustoume moito, mais a miña favorita era “Esa luz”, interpretada por Luis Tosar e os seus colegas para a BSO de “Mataharis”.
Falemos agora dos premios verdadeiramente importantes, aqueles aos que seguramente todos vós lles daredes máis valor. Amparo Baró e José Manuel Cervino, dous veteranos actores, fixéronse cos galardóns aos mellores secundarios . Maribel Verdú gañou o Goya á mellor actriz principal. Non foi sen tempo, pois conseguiuno despois de catro infrutuosas candidaturas. Alégrome moito por ela. Ademais, deulle o premio un grande compañeiro dela, José Coronado. Maribel Verdú debeu gañar o premio Goya o ano pasado pola súa maravillosa interpretación en “El laberinto del fauno”. Desgrazadamente, non podo valorar o seu traballo en “Siete mesas de billar francés”, porque non vin ese filme. ¿Por que carallo non vin esa película, gustándome como me gustan o billar e máis Maribel Verdú? Vaia vostede a saber…

Alberto San Juan obtivo o Goya ao mellor actor en papel principal. Non é que me emocione en demasía o meu tocaio. ¿Facía falla aludir á disolución da Conferencia Episcopal en tan “familiar” agradecimento? Moitos pensamos que a Conferencia Episcopal Española debería disolverse ou, en todo caso, concurrir como lista eleitoral deste anovado Partido Popular dos Mormóns Unidos, toda vez que o integrismo católico se fixo co poder no seu seo. Ora ben, semella que unha entrega de premios cinematográficos non é o foro máis acaído para formular tal petición. Dos premios aos guións non hai moito que dicir. Félix Viscarret, Premio ao mellor guión adaptado tivo o bo gusto de reclamar ao seu carón ao autor da novela “Bajo las estrellas”, algo inusual no mundo dos indómitos guionistas.
Dos dous premios gordos, só podo congratularme pola valentía dos académicos. A calidade gañoulle o pulso á mercadotecnia 1. Un filme que apenas foi visto por corenta mil espectadores fíxose cos premios á mellor película e ao mellor director. “La soledad” é o mellor filme que se rodou en España no ano 2007. O filme máis sólido dende o punto de vista narrativo e o filme máis sólido dende o punto de vista actoral. Un filme sinxelo, estruturado a golpe de fermosos planos secuencia, elaborados nunha orixinal técnica -a polivisión- nos que os protagonistas falan, reflexionan e sinten perdas irreversíbeis. E algo que me encanta, o silenzo. O silenzo bótase de menos no cinema actual. Jaime Rosales é capaz de encuadrar o silenzo, os bocados de realidade.

“El orfanato”, de J. A. Bayona é un filme terrorífico. Terroríficamente malo, una burda imitación de “Los otros”, de Alejandro Amenábar. ¿Onde está o suspense neste filme? ¿O resultado do filme sería o mesmo se non saísen Mabel Rivero e Geraldine Chaplin? Probábelmente sí. Entón os de Rodar y rodar PC tiraron os cartos tontamente. Para esquencer.
“Las trece rosas”, de Emilio Martínez Lázaro é un filme que esgota. Amais carece do máis mínimo “punch” que debería ter un filme destas características, que narra un estarrecedor suceso acaecido na inmediata posguerra: o fusilamento de trece nenas acusadas en falso de intentar acabar coa vida do Xeneralísimo. Díxose que o filme era “maniqueo” . En absoluto. O filme non chega a tomar partido por nengunha ideoloxía en concreto. Simplemente narra uns feitos nos que resulta inevitábel empatizar coas protagonistas da historia. Lamento que Nadia de Santiago non conquerise o Premio á mellor actriz revelación. En troques, o realizador obsequiounos repetidamente con primeiros planos da súa límpida e anxelical faciana. O título sí que fai honor ás actrices. Trece rosas, ¡que carano!.

De Alfredo Landa, non digo nada, porque o tipo ofuscouse e non soubo moi ben como agradecer o Goya de Honra. Comezou a dubidar e a balbucear de tal xeito que semellaba que lle daban o Premio ao mesmísimo Antonio Ozores. Todo se andará.
Para rematar, unha recomendación para a Academia: Supriman os chamados “Premios revelación”. Deixen que os nominados, se foron os mellores, teñan a oportunidade de gañar os mesmos premios que os seus compañeiros de profesión 2. ¿Imaxinan a Orson Welles nominado –para perdelo, claro- ao Oscar ao “mellor director novel” por “Citizen Kane”, considerado unánimemente o mellor filme de todos os tempos? As obras mestras son atemporais e non saben se os seus pais son primeirizos ou xa deron a luz outros títulos. Orson Welles foi o mellor director ese ano, fose ese filme a súa “ópera prima” ou o seu filme nº 100. Xa ven vostedes, en España aínda hai premios de iniciación, de hebraica “circuncisión artística”.
Aquí tendes un enlace en condicións, por se queredes comprobar a lista completa de premiados:
1: Ao Goya á Mellor Película estaban nominados este ano catro exemplos espléndidos para poñer nunha clase universitaria de Teoría da Ficción: Un suceso real, logo verídico ("Las trece rosas"), un suceso verosímil, mais non verídico ("La soledad" e "Siete mesas de billar francés") e un suceso inverosímil ("El orfanato").
2: De feito houbo dúas alusións -veladas ou descaradas- á inutilidade deses premios. Unha foi de José Luis Torrijo, Goya ao mellor actor revelación ("ya está, ya me he revelado, ahora ya me conocéis") e outra do sarcástico Santiago Segura ("este premio no os va a dar de comer").
Alberto Rodríguez
No comments:
Post a Comment