
Un posíbel plano para estas noites calorosas e que eu estou aplicando con certo rigor, é agarrar polo colo unha boa e xélida cervexa e poñer no DVD algunha peli dun tipo danés que naceu e morreu en Copenhague e que fixo algunha das máis fermosas obras mestras de toda a Historia do Cinema. Este home, Carl Theodor Dreyer, de neno foi adoptado por unha ríxida familia luterana, polo que isto marca de xeito decisivo a maioría dos seus filmes. Voulles citar tres.
A min gústame moito "A paixón de Xoana de Arco", do ano 1928, a versión francesa, restaurada no ano 1928, unha sublime lección de cinema, onde @s pipiol@s que estudan nas Escolas de Cine poden aprender como se encuadra e como se manexan os primeiros planos e os insertos, como a mímica e a expresividade dos rostros substitúen centos e centos de páxinas de guión. A morte da heroína, acosada polas labaradas da lumieira e da intransixencia dos teólogos e xuíces que a condenaron, xenial, xenial e xenial.
"Dies Irae", do ano 1943, é marabillosa, probábelmente a miña favorita. Un filme que condena a hipocresía e o fanatismo relixioso, un filme que gravita habelenciosamente encol da culpa e da delación, unha brillante alegoría da ocupación nazi en Dinamarca e na que o xoven Martin se debate entre a fidelidade ao seu pai, o reverendo Absalón e o amor inconfeso pola xoven esposa deste, Anne. As escenas a contraluz nos bidueiros son como as delicias de améndoa de Allariz: pura delicatessen.
"Ordet", 1955, constitúe unha espléndida recreación do Romeo e Xulieta de Shakespeare que medita sobre as dificultades do amor, o fanatismo relixioso e a compaixón polo ser humano. As tomas son longuísimas, case non hai cuts directos polo que o ritmo, en consecuencia, é pausado (vid. o principio, cando todos se erguen para buscar a Johannes) e a fotografía en branco e negro suxire unha certa e envolvente melancolía. Interesantísima.
Amigos, esquézanse do Mundo un chisco, que pasa de vostedes, e déixense seducir polo Sétimo Arte en todo o seu esplendor. Fascinación polo Cine. Fascinación por Dreyer.
Alberto Rodríguez
No comments:
Post a Comment