Tuesday, January 05, 2010

¡Hey, que a min tamén me gustan as películas de Jaimito e as dos tomates asasinos!


Meus queridos amigos, descúbrese humildemente ante vós un cinéfilo talibán, disque un modesto muyaidín das salas de arte e ensaio.

Nunha intervención miña no programa “A lume de carozo”, na Radio Municipal de Allariz, o pasado día 22 de decembro, dixen unha serie de cousas sobre o cinema de animación en 3D , algunhas das cales, certamente, non comparto unha vez que puiden escoitalas. Efectivamente, “que dous bonecos se biquen non é algo emocionante”, é unha expresión pouco afortunada e moi simplista. Calquera podería traerme como exemplo unha boa morea de secuencias de cinema de animación (que non é a miña favorita) que dalgún xeito chegaron a emocionarme. Manteño, sen embargo, as aseveracións que fixen sobre o concreto filme, “Avatar”. Nótese, escoitando con atención o corte do programa, que a miña crítica non se dirixiu tanto cara os efectos especiais da película, como ao seu desenvolvemento argumental. Eu non lles son especialista en animación por ordenador, polo tanto non podo desmontar con argumentos técnicos a afirmación “Avatar constitúe un punto e aparte no cinema de animación por ordenador.”

¿É pois “Avatar” un filme visualmente engaiolante? Evidentemente que sí, eu non podo negar iso. Agora ben, ¿que hai detrás dese hipnotismo visual, desa orxía de “deslumbrantes wallpapers en 3 D” (como di Pablo Kurt) que se van sucedendo na pantalla? Pois un guión moi feble e inconsistente. Non inconsistente por maniqueo ou non maniqueo, a min iso, a estas alturas, impórtame un carallo. Digo que o guión é moi feble porque non ten absolutamente ningunha historia que non víramos xa en cen mil películas antes, unha trama máis ou menos amorosa que non convence, un ecoloxismo onírico e fascinante que loita pola supervivencia dun mundo que esmorece, a mans dos monstruosos e maléficos humanos. En esencia, aí está, en todo o seu esplendor, a historia do feble que combate ao forte, David versus Goliat, unha fermosa lenda que conmove ao ser humano dende que se recolleu no libro primeiro dos Reis, na Biblia. Este recurso, dalgún xeito, introduce ao espectador na trama, faino partícipe e, dende logo, predispono cara un happy end inevitábel e inverosímil. E, por favor, amigos meus, non pensen que emprego o termo “inverosímil” con sentido de desprezo ou irreverencia, simplemente con ánimo definitorio. Ora ben, ao meu entender, sempre ao meu entender -que non é infalíbel, obviamente- Cameron cae no paradoxo de deseñar unhas personaxes planas sobre un fondo en 3D.

Evidentemente, a trampa e a sinxeleza son a urda da que se compón o cinema de aventuras. O que eu boto de menos en Cameron, por outra banda, director de títulos tan interesantes como Terminator (1984) ou Aliens (1986) é o seu carácter de verdadeiro “autor”, a favor dun carácter extremadamente técnico. Esquece a historia e delega no ordenador, podemos dicir. Se a min me dixesen que “Avatar” é de Robert Zemeckis eu non tería ningún problema en asentir. Pero a min non me poden dicir que “Vértigo”, “Sede de mal” ou “O home tranquilo” son de Robert Zemeckis, porque responden esencialmente a un estilo. É o triunfo da vontade creativa, o triunfo do director, dun estilo determinado.

O colmo é o de Lars von Trier, que nunha película de 2006, “O xefe de todo isto”, emprega unha técnica chamada “automavisión”, consistente en deixar que un ordenador seleccione os ángulos de cámara polo propio director, anulando deste xeito a vontade demiúrxica do director e convertir esta complexa e fascinante tarefa nalgo máis irrelevante que unha partida ao “counter strike”. O azar non debera ter a iniciativa aquí, os movementos de cámara están por algún motivo, os planos e os ángulos tamén. Joder, se Godard dí que os “trávellings son posturas morais” será por algo.

¿É isto criticar os novos formatos? Pois seguramente. Este novo formato, o de von Trier, persoalmente, non me gusta nada. Estéticamente, “Avatar” é unha preciosidade. Unha preciosidade sen unha historia que verdadeiramente me atraiga durante 160 minutos, que destas duracións tamén podiamos falar, pero unha preciosidade, a fin de contas.

A demagoxia non está presente, coido, en ningunha das miñas afirmacións. Somos libres para poder opinar. A diferencia de moitos críticos asalariados, a si_maikel, a Miguel e máis a min non nos patrocina ninguén e podemos dicir o que nos pete e isto non debe condicionar a ninguén á hora de ver “Avatar”. A miña opinión, perdón pola perogrullada, non ten máis autoridade que a de ninguén. Pero non é demagoga, porque eu non lle digo á xente o que seguramente semella o máis acaído: unha obra mestra, a mellor peli que vin en moitos anos, unha nova era no cinema de animación… pum, pum, foguetería varia. Non o digo, sinxelamente porque é que non o penso. E se o digo, estoume quedando con vós.

Ai, é verdade, o cinema é unha atracción de feira, unha bendita atracción de feira, eu son consciente disto e gústame ver todo tipo de películas, a ver se pensan vostedes que ousei criticar ese prodixio chamado “Avatar” porque paso todos os días na casa vendo pelis de Eisenstein, de Tarkovski e de Bèla Tarr, excelentes somníferos algúns filmes destes suxeitos. Pero, ao meu entender, os autores que son capaces de mesturar calidade nos argumentos con entretemento e comercialidade son escasos, por desgraza, excluíndo a Tarantino, Spielberg e pouco máis.

Como dixen no anterior parágrafo, o cinema é unha atracción de feira, ésa é a súa última esencia, a dun divertimento puro e duro, para todas as olladas posíbeis, para todas as conciencias. Dicía Billy Wilder que “se o Cinema consigue que un individuo esqueza por dous segundos que aparcou mal o coche, que non pagou a factura do gas ou unha discusión co seu xefe, entón o Cinema conseguiu o seu obxectivo.”

Deséxolles a todos un feliz ano 2010. Vexan “Avatar”, por favor, desfruten o máis que poidan dela, fáganme caso, non teñan en conta os meus pecados.

Alberto Rodríguez, presidente do clube de fans de Nicolas Chauvin.

No comments: