Tuesday, December 07, 2010

WESTERN (VI): BANDA SONORA, 1ª PARTE

- Homer (doéndose): Aaaaaaaagh, au!
- Demo: Silenzo! Espertarás a John Wayne.
- Homer: ¿Eh?
- John Wayne (de resaca): Xaaa espertei.



Coma inda había moita forma que darlle ó xénero, a música de western partía case dende cero; ademais, coincidindo o seu afianzamento coa transición do mudo ó sonoro, houbo outra dificultade engadida (esta común para tódolos xéneros): a rixidez formal e conceptual dos arcaicos sistemas de bandas sonoras, que normalmente precisaban dalgún “McGuffin” argumental para introduci-la música incidentalmente. Por sorte, xa dende un principio andaba xente coma Max Steiner traballando en filmes coma “Cimarrón” (1931), e canda esa insubstituíble camarilla de compositores europeos exiliados ou emigrados (Waxman, Korngold, Rozsa, Tiomkin…) crearon xa daquelas o concepto moderno e autónomo de banda sonora.

Aínda así, o desenvolvemento temático sería unha tarefa nova, o que explica a notoria heteroxeneidade estilística durante as dúas primeiras décadas (30s e 40s). Duns filmes a outros, as oberturas características dos músicos centroeuropeos reformábanse con toques de fanfarria ou marcha militar (marcha de cabaleiría, claro), cando non estaba todo ilo presente na propia banda sonora, coma o caso de “A dilixencia” (“The stagecoach”, 1939); filme este de John Ford que acadou un primeiro fito oficial no xénero ó conqueri-lo Oscar á mellor orquestración (Richard Hageman, W. Franke Harling, John Leipold e Leo Shuken). O grande Max Steiner foi un dos que máis xogo deu nesta época, sobre todo a finais dos 30 e comezos dos 40, cando coincidiu con Michael Curtiz i Errol Flynn: “Dodge, cidade sen lei” (“Dodge city”, 1939), “Ouro, amor e sangue” (“Virginia city”, 1940) e “Camiño de Santa Fe” (“Santa Fe trail”, 1940), ás que habería que engadir “Morreron coas botas postas” (“They died with their boots on”, 1941) de Raoul Walsh. O mestre Steiner traballou nelas variacións sobre as habituais fanfarrias hacia temas populares e himnos militares moi arraigados no imaxinario colectivo americano, coma Dixie (o himno de facto da Confederación), Bonnie blue flag (outro himno da Confederación) ou Garry Owen (himno do mitificado 7º Rexemento de cabaleiría). E aínda o seguiría facendo nos 50, p. ex., en “Centauros do deserto” (The searchers, 1956), onde os seus emocionantes popurrís acompañan a marcha da cabaleiría. E se ben a colaboración entre Steiner e John Ford foi algo serodia (non se produciu ata este último filme), abofé que o mítico director desexaría ter contado cos servicios do compositor insigne da Warner Brothers para a súa triloxía da cabaleiría, a finais dos 40, moi debedora musicalmente de Steiner. O broche final da mesma (“Río Grande”, 1950), correspondeulle a Victor Young, quen xa amosaba as súas dotes líricas; nembargantes, o emotivo final coa banda militar tocando Dixie en honra a Maureen O’Hara é un momento cen por cen de autor John Ford. Tamén memorable foi a adaptación, entre outras, da popular marcha militar “She wore a yellow ribbon” por parte de Russ Morgan no segundo filme da triloxía: “A lexión invencible” (“She wore a yellow ribbon”, 1949).

Pero houbo outras variantes; unha delas, que xa tiña tradición no cine, e que se vería moito no xénero durante os 50 e 60, eran os números musicais a cargo dunha estrela con aptitudes axeitadas. “Arizona” ("Destry rides again", 1939) foi un western atípico para a época, tamén pioneiro, entre outras cousas por unha boa miga de banda sonora a cargo das graves e provocativas tonadas de Marlene Dietrich. A propia Dietrich repetiría uns cantos anos despois en “Encubridora” (“Rancho notorious”, 1952), con cancións compostas por Ken Darby. E John Ford tamén seguira esta vía no fío dos 50 ó introducir a The sons of the pioneers en “Caravana de paz” (“Wagon master”, 1950) e “Río Grande”. Tratáse este dun grupo “cowboy-country” nado nos anos 30 (inda en activo, por certo), que compuña e interpretaba tonadas para as pasaxes máis intimistas. O seu percorrido tampouco foi moito máis aló, pero tivo un epílogo fílmico inolvidable co tema cantado de “Centauros do deserto”, “The searchers”, interpretado polo cantautor Stan Jones.

Continuando con “Centauros do deserto” (i entrando xa de cheo nos 50), tamén sobresae dito filme por conter, ó meu parecer, as pasaxes máis fermosas e doces da historia musical do xénero, coas que Max Steiner ilustra o castigado amor que o personaxe de John Wayne inda profesa. A outra cima lírica musical da década atopámola en “Raíces profundas” (“Shane”, 1953), onde a partitura de Victor Young vaille coma unha luva á paisaxe abrumadoramente bela e a esa sensible relación establecida entre pistoleiro e cativo.

Tamén houbo cabida para o romanticismo e a paixón no xénero, da man do director Nicholas Ray e do propio Victor Young en “Johnny Guitar” (1953), en cuio tema cantado interviú coma letrista e intérprete a figura do jazz Peggy Lee. As outras bandas sonoras a salientar no período son dous clásicos por excelencia da música de aventuras: “Horizontes de grandeza” (“The big country”, 1958) e “Os sete magníficos” (“The magnificent seven”, 1960), de Jerome Moross i Elmer Bernstein respectivamente, que a base de cuñas radiofónicas e homenaxes cinematográficas conqueriron sitio de honra no imaxinario colectivo cinéfilo.

Pero se falamos dos 50, hai unha figura que sobresae por riba das demais: Dimitri Tiomkin. O compositor de orixe rusa demorou a súa chegada ó xénero, pero entrou pola porta grande, compoñendo as épicas e grandiosas partituras de “Duelo ó sol” (“Duel in the sun”, 1946) e “Río Vermello” (“Red river”, 1948). Mais o seu repertorio non se quedou nisas, xa que lle meteu man ás tonadas que servían coma leitmotiv ou simplemente amenizaban os grandes westerns da época: “Do not forsake me, oh my darlin”, de “Só ante o perigo” (“High noon”, 1952), con letra de Ned Washington e voz de Tex Ritter; “O.K. Corral”, de “Duelo de titáns” (“Gunfight at the O.K. Corral”, 1957), con letra de Ned Washington e voz de Frankie Laine; ou “My rifle, my poney and me”, de “Río Bravo” (1959), con letra de Paul Francis Webster e voz a dúo de Dean Martin e Ricky Nelson. O único grande tema da década que non compuxo (aparte dos xa comentados “The searchers” e “Johnny Guitar”) foi quizais “The hanging tree”, de “A árbore do aforcado” (“The hanging tree”, 1958), con música de Jerry Livingston, letra de Mack David e voz de Marty Robbins.

Ademais, Tiomkin foi dos primeiros en usa-la música sicoloxicamente. O chamado western sicolóxico naceu con “O pistoleiro” (“The gunfighter”, 1950), filme farto decepcionante en tanto que musicalmente espido, inda con máis razón atendendo ó traballo de grandes compositores en filmes de corte similar dende aquel entón. En “Só ante o perigo”, Tiomkin gañou mellor o xornal ca Alfred Newman en “O pistoleiro”, xa que retratou brillantemente coas súas notas unha atmósfera opresiva e angustiosa, causada polo inexorable avance dos reloxos, e responsable do nó na gorxa de Gary Cooper. A resultas disto, segundo grande fito oficial: premios da Academia á mellor banda sonora de drama ou comedia e á mellor canción orixinal.

E rematando a década, o bo de Tiomkin inda tivo tempo de facernos albiscar o que ía se-la revolución da seguinte; en “Río Bravo”, acomete inantes que Morricone a mistura orquestral de cordas, vento e unha descoñecida percusión a base de campás para adapta-la célebre peza castrense “Deguëllo”, e que marcaría toda unha época en anos posteriores.

E malia á considerable aportación de Tiomkin, considero que o máis importante da década consiste na consolidación dun estilo musical definitorio coma ningún outro do xénero. E nada mellor para expoñer dito estilo que os westerns de xente coma Anthony Mann e Budd Boetticher, máximos exemplares do prototípico western made in USA: básicas tramas de acción, con máis ou menos profundización ética segundo o caso, fotografiadas exuberantemente en grandes espazos abertos. Da man de compositores case sempre (e curiosamente) norteamericanos, o estilo musical afástase en xeral do virtuosismo e grandilocuencia dos mestres europeos para se converter nunha música moito máis suave, melodiosa e calmosa, que expresa a idea dun marco bucólico.

si_maikel

No comments: