Wednesday, January 10, 2007

OS CATROCENTOS GOLPES

Nenos en primeira persoa.

«Cando eu era cativo meu pai dábame un céntimo á semana e, ademais, propinábame unha malleira cada quince días. E aínda que algunhas veces esquecese darme os cartos da propina, o que nunca se lle esquecía era darme unha boa malleira, para que eu me criase como un home de ben…»
‘Onde está a casa do meu amigo?’, Abbas Kiarostami.


A nenez é unha época delicada. O que somos vén determinado en gran medida polo que na crianza recibimos. Pero non me poñerei profundo, nin tratarei de buscar excusas por todo o que non chegamos ser ou polo que, ao remate, acabamos sendo. Falemos de cinema.

Existe nos nenos unha facultade innata para a actuación, sendo que antes de aprender a falar, coñecen á perfección cales son as pequenas cousiñas (esa mirada de desconsolo, esos beizos engurrados) que nos fan cambalear, que nos obrigan, cando nos collen desprevenidos, a darlles todo canto nos piden. Logo non é de extrañar que tan bos resultados dean en pantalla, xa que carentes da malicia que dá a experiencia, do finximento aprendido, si posúen esa incipiente habilidade, baleira das carautas orgullosas, coquetas, hipócritas… dos adultos.

Pero este artigo non vai do star system, non falerei de Judy Garlan ou de Shirley Temple. Non, nin de precoces Lolitas (permítanme a redundancia), nin de enxendros horteras (producto de pais abundantes en babas). Falarei, en maior ou menor medida, de neorrealismo, corrente cuxa influencia chega até os nosos días, pois se Italia superou as súas carencias da posguerra, o que non faltan no mundo son carencias.

As raices do neorrealismo esténdense moito máis alá de Rosselini ou De Sica, por outra banda, auténticos encumbradores do xénero. Austeridade nas rodaxes, filmacións sobrias, ningunha concesión ao sentimentalismo… Películas mudas como ‘Nacín, pero…’ preceden o fenómeno do neorrealismo, e incluso apuntan cara a certo existencialismo, do tipo Camus (‘Umberto D’, ‘Contos de Tokio’, ‘Primaveira tardía’). Nesta película de Ozu observamos as diferentes reaccións dos nenos e dos adultos, fronte a certos convencionalismos sociais, que para os primeiros non son, nin moito menos, imprescindibles. O pai dos irmáns protagonistas compórtase como un bufón ante o xefe. O mal comprendido servilismo xaponés (dende o punto de vista occidental), deixa de ser extraño para amosársenos de xeito ridículo. Os nenos aínda non entraron nas estructuras deformadoras desa sociedade na que viven, e por iso lles resulta tan ferinte, como a nós, o comportamento de seu pai.

Ferinte, e en moitos casos incomprensible. Pasáballe isto a Ana Torrent na hipnótica ‘El espíritu de la colmena’ (1973), que non entendía nada: mentres súa irmá xoga a contar mentiras, seus pais viven demasiado alleos ás inquedanzas da pequena. Pero malia posuir innumerables xoias (o sadismo case luxurioso da irmá maior, a estructura pseudodocumental, a frescura dos diálogos das nenas, o cruce de miradas entre a nai e os soldados do tren), neste fantástico filme pesa máis a alegoría que o retrato, non chegando o espectador a saber, case en ningún momento de que vai, (da soidade?, do illamento?, da perda dos mitos infantís?). A prodixiosa ‘El sur’ (1983), dotada –todo hai que dicilo– de certo hieratismo interpretativo, afonda con mestría nas emocións dunha filla, subxetiva cronista da historia de seu pai. O filme resulta non só un exquisito exercicio de estilo (cambios de luz prodixiosos, constantes fundidos a negro), senón tamén unha desgarradora análise da evolución desta nena, dos seus sentimentos e da relación que mantén, ao longo dos anos, con ese descoñecido, médico de profesión, zahorí de nacencia, idealista de condición, romántico tráxico… que é seu pai. Xamais esquecerán os que a vexan a dor seca da secuencia final na que o pai lembra como unha vez bailaran, el e súa filla, o melancólico (e cinéfilo) pasodoble ‘En er mundo’. Raio de Víctor Erice! Por que demo non fará máis películas?

Os proxenitores son dous deuses omnipotentes, dúas guías ou dúas varas, segundo corresponda. Por iso é tan terrible a idade na que nos decatamos de que non son perfectos. Pasado o berrinche (aí polos corenta e tantos) prodúcese o achegamento, e tamén, ou así debera ser, esa mirada atrás que nos amosa o crueles que fomos e o difícil que é ser nai ou pai.

Pero volvamos ao cinema, que me perdo. O Doinel de ‘Os catrocentos golpes’ (Les quatre cents coups, 1959) comparte cos cativos iranís de ‘Onde está a casa do meu amigo?’ o mesmo que cos chineses de ‘Nin un menos’. Como último chanzo da escala social os nenos son uns parviños dos que pouco importan as súas queixas; se non fan a tarefa é porque son uns galopíns, e nin moito menos porque a nai os ten reducidos á condición de chacha (o Doinel de Truffaut e o Ahmed de Kiarostami).

Deixando a un lado a suspicacia, cando vemos un filme o mellor que podemos facer é aceptar o que se nos propón como certo, sen tentar analizar cales foron as motivacións reais do director, algo que se acolle, no mellor dos casos, ao terreo da psiquiatría ou, na maioría deles, ao do papel couché (cuestionarse, por exemplo, se a nai de Truffaut –non a de Doinell– foi ou non unha pécora; defender que Kazan, como delator, se identificaba co Brando de ‘A lei do silencio’). Diferente é que o que nos conten chegue realmente a convencernos, cousa que depende da habilidade dos guionistas, dunhas interpretacións aceptables… e de ben pouquiño máis. A falta de honestidade dun BO AUTOR no seu ámbito privado, non acostuma afectarlle á súa obra, porque por moito que un se minta a si mesmo, a obra, como un fillo, debe estar baleira dos vicios do que a precede. Inda que con ela un trate de xustificarse. (1)

No filme de Truffaut, a nai de Doinell non o quere. É unha obviedade dicilo, ademáis de ser un caso paradigmático da nena que ve interrumpida a súa liberdade por un fillo que non desexa. E, si, Doinell é un pillastre que debe sobrevivir como pode nun mundo que non empeza ben dende que abre os ollos, e por iso rouba, e por iso minte… Pero a mirada neorrealista de Doinell, ou sería mellor dicir, a súa carencia de falsas ondulacións e carantoñas (outro caso será cando creza: Jean-Pierre Léaud non pasou de ser un cara de pau máis) avísanos de que quizais non minta cando lle di ao profesor que súa nai morreu. No seu non-correspondido amor edípico, Antoine Doinell refai a mitoloxía, alcanzando no seu maxín o paroxismo do amor, asasinando á nai…
«Se vai empezar a dicir porcalladas, eu lárgome…» que diría o condenado a morte en ‘Front Page’ de Billy Wilder.

Todos estes nenos sufridores fanse vellos antes de tempo, adquirindo determinación e instinto de supervivencia, mais tamén asimilando os traumas do mundo que os envolve. Na maravillosa ‘As tartarugas tamén voan’ queda demostrada dita dualidade. Este filme é unha dura crítica contra ese desprecio polo escalafón máis débil da sociedade, por momentos cómico, por momentos cínico, por momentos terrible e brutalmente amargo. Nenos que, non deixando de selo, desactivan minas antipersoa para vendérllelas aos responsables encargados de desactivalas; adolescentes que instalan antenas parabólicas para que os maiores da vila poidan ver cando George Bush se decide a atacar Iraq (na CNN e en inglés); nenas con fillos-irmáns e tendencias suicidas; mutilados; famentos; desprotexidos… e, nalgúns casos, nenos sorrintes.
«Os nenos sopórtano todo…», escalofriante frase final de Lilian Gish na maravillosa 'A noite do cazador'

A incomunicación chega ao grao do absurdo (sen deixar de ser un retrato realista) no filme ‘Onde está a casa do meu amigo?’. Conta o incidente puntual, e posiblemente esquecido aos poucos días (de ser certo), no que un cativo trata de levarlle o seu caderno ao compañeiro de pupitre para que o mestre non o castigue por non facer a tarefa. Por moito que Ahmed se mate en explicarse, ninguén o atende. O peor é que nin sequera o escoitan. «Xa llo darás mañá», dille a nai. Pero Ahmed, consciente da gravidade do asunto (no seu reducido mundo), decide ir na procura do seu compañeiro. Polo camiño atoparase cun milleiro de adultos falabaratos, baralleiros, con chácharas tan pouco importantes que até semellan falar noutra lingua (unha monserga máis verbalizada pero similar no seu efecto ao bardallar intermitente de ‘Meu tío’). Os maiores convértense, dende a mirada responsable de Ahmed, nun fato de superficiais e inútiles. Tan só os nenos lle prestarán axuda, e un único ancián, quizais cara o final dos seus días máis próximo e comprensivo coa incomunicación dos pequenos.

O filme de Kiarostami abandona nalgún intre o neorrealismo para achegarse ao expresionismo (cando escurece, a vila transfórmase nun ameazante labirinto de rúas, inquedantes celosías e ladridos de cans). Pero se hai un filme no que se convinen á perfección ambas correntes ese é ‘Alemaña, ano cero’, cuxo protagonista, non podía ser doutro xeito, é de novo un cativo. Caligari e Mabuse perderon a guerra, o peso da derrota cae nos tribunais antinazis e tamén nas desoladas rúas de Berlín. Un neno que a diario escoita as terribles restriccións que sofre a súa familia non pode ser un neno normal. Un neno que comprende que el, como seu pai, é unha carga para a familia, leva unha lousa demasiado pesada no seu fraco lombo. Se non existisen Murnau e Lang…, quero dicir, se non existisen musas como Goebbles e Hitler, quizais este neno se salvase. Marcharía do fogar e o seu filme sería distitinto. Pero este neno vive atrapado nun pesadelo neorrealista/expresionista: Leva no lombo a lousa de ser unha carga e o empuxe atroz de ter unha misión.

E que dicir do xenial Zhang Yimou. Este, cada vez menos descoñecido, director asiático fai gala dun ollar limpo, sereno, pero á vez crítico co sistema no que vive. Yimou aparécese aos meus ollos como un Castelao chinés, un contador de historias tenras e sinxelas, protagonizadas por xentes simples, pobres, rurais (non sempre) e esquecidas. Yimou fai da reiteración propia da arte oriental, tortura chinesa (diálogos entre nenos e adultos), descripción dunha vontade admirable (‘Nin un menos’, ‘O camiño a casa’) e simple e fermosa poesía; porque a repetición de patróns, cando se fai con gusto, non deixa de ser iso, música, poesía. É entón cando, coa máscara do poeta, Yimou toma as armas da crítica política e social. O seu cinema chega así até nós, bogando polas procelosas augas da censura, esquivando o escuro ollar do inquisidor. É un cinema que me arrastra, a min, subxetivo cronista, namorado imperfecto de cousas e retrincos, cara aquela vila madrileña que quería pasar por andaluza, olés e ozús mediante. Penso en ‘O pisiño’ e ‘Viridiana’, penso na ‘Morte dun ciclista’, penso en ‘Plácido’, fragmentos dun arte que se esvaeu, perdido, fora de plano. E penso tamén nas bandeirolas dos USA arrastradas pola lama, nas que a censura nada atopou de reprochable.

‘Nin un menos’ é un filme que se pode ver en familia, un filme que crea máis cercanía que distancia, que nos leva a un pasado un chisco anterior ao da serie de TVE ‘Cuéntame’. A hipnótica fotografía que caracteriza os filmes de Zhang Yimou, con predominio das cores cálidas e contrastadas, convértese aquí non só nunha persoaxe máis, senón no principal indicador da fractura campo/cidade, logrando, á inversa de ‘O mago de Oz’, e sen recurrir ao branco e negro, a mesma sensación de tristeza e desacougo. Pero os principais protagonistas da historia son, sen dúbida algunha, os rapaces, todos eles (nenos e nenas de entre seis e catorce anos, orixinais da zona onde está ambientado o filme) merecedores de Oscar. Isto non é un dicir. Descoñezo se Zhang Yimou traballou como Kiarostami, o cal non lles entregaba un guión aos seus pequenos colaboradores, senón escuetos e simples esquemas. Sexa como for, o resultado é asombroso. Actor’s Studio, Stanislavski method… Qué diría Lee Strasberg de todo isto?
Quizais algo como: Juventud, divino tesoro… se non fora polos catrocentos golpes.

(1) Aclaremos isto. Non digo que indagar na psique do autor sexa un mecanismo a prescindir. De feito eu véxome a miúdo tentado a facelo (valla de mostra este artigo), mais non sen certo pudor. Tales opinións complementan a crítica cinematográfica pero en ningún caso poden servir para avaliar un filme. Un exemplo clásico: ‘A lei do silencio’, traballo impecable se mire por onde se mire. Que carallo lle importa a quen está vendo o filme as miserias do seu director? É algo tan inxusto como reduccionista. Pola mesma habería que desbotar a obra de Salvador Dalí por fricazo e falanxista, a de Camilo J. Cela por falanxista e groseiro, a de Phillip K. Dick, Aldous Huxley e Bram Stoker por politoxicómanos, a de Henry James por esquizoide, a de Malcolm Lowry e Edgar A. Poe por alcohólicos, a de David W. Griffith por racista, a de Serguéi M. Eisenstein por comunista, a de Leonardo da Vinci, Oscar Wilde e Andy Warhol por homosexuais… e paro, que xa comezo a notar como se me inchan as veas do pescozo.

Miguel Segador

No comments: