Tuesday, December 11, 2007

New York stories: Nova York sen Nova York

Lembro con certa melancolía a primeira vez que vin Manhattan (1979), de Woody Allen. Mentres sonaba a Rhapsody in blue de Gershwin, con aqueles ciclópeos rañaceos, como secuoias de aceiro, dominando a paisaxe urbana, con aqueles neóns marabillosos, escintilando intermitentemente, como o corazón dunha cidade que nunca dorme e con aquelas rúas poboadas de honrados cidadáns americanos, belas mulleres e homes que están á volta de todo, díxenme: ¡quen me dera poder vivir en NY!. Por iso cando souben dun filme que se titulaba Historias de Nova York (1989) o primeiro que pensei foi que ese filme constituiría unha nova homenaxe a aquela mítica urbe, a aquela cidade que Isaak Travis consideraba a metáfora da decadencia contemporánea. E máis aínda, se cabe, se ese filme constaba de tres historias curtas dirixidas nen máis nen menos que por Scorsese, Coppola e Woody Allen. Nada máis lonxe da realidade. ¿Onde está NY nesta película?



Historias de Nova York está dividida en tres segmentos, tres historias autónomas nas que os seus directores renden homenaxe, presuntamente, á cidade que os viu nacer ou, como no caso de Coppola, medrar, máis ben de ancho. Con desigual acerto.

1) Life Lessons (Apuntamentos ao natural), de Martin Scorsese. Con Nick Nolte e Rossana Arquette. A mellor historia das tres, con diferencia.Ten un guión moi sólido, asinado por Richard Price, quen xa colaborara con Martin escribindo o guión de The colour of de money (o color do diñeiro) en 1986, guión que lle valeu unha nominación aos Oscars. As interpretacións están moi conseguidas, á altura do guión. Sobre todo a de Nolte, como Lionel Dobie, ese pintor posesivo que teima en manter baixo a súa protección a súa aprendiz, Rossana Arquette, como se dunha obra inacabada se tratase. A historia ten unha banda sonora moi potente, con temas como "Witer sade of pale" ou "Conquistador" de Procol Harum, "Like a rolling stone" de Dylan, ou a emotiva e hipnótica aria "Nesum dorma" de Puccini. A destacar tamén a marabillosa fotografía de Néstor Almendros que, como de costume, xoga coa luz ao seu antollo e está revestida de cores vivas, cando nos amosan os abstractos cadros de Lionel ou de pertinaces sombras urbanas, cando se trata de retratar as andanzas da parella polas entrañas da Grande Mazá. Por último, sobresaliente para o director. Scorsese é un xenio, dígoo porque amo máis da metade da súa filmografía. Un xenio que sabe o que quere e, o que é máis importante: como o quere. A disposición dos planos é impecábel, a montaxe sensacional (como todas as da súa inseparábel Thelma Schoonmaker-Powell) e, como sempre, o selo do autor, inconfundíbel. Scorsese ao natural, Scorsese’s Lessons.

2) Life without Zoe ( A vida sen Zoe), de Francis Ford Coppola, con Heather McComb e Talia Shire. Ben amigos, seguidamente voulles dar un consello. Aproveiten o mínimo fundido que separa o final de Life Lessons de Life without Zoe para pulsar a tecla Fast Forward do seu vídeo ou DVD ata empalmar con Oedipus Wreck, de Allen. A ¿historia? de Coppola é infumábel. E digo ben, de Coppola, xa que segundo os créditos, o guión estaría escrito a medias entre Francis e o seu olliño dereito, Sofía. No ano 1989, despois de dirixir a aceptábel Tucker: The man and his dream, Coppola decidiu participar no proxecto do filme New York stories e para iso concedeulle toda a iniciativa á súa filla Sofía. Á marxe do respeto que sempre me infunde o amor que un pai pode ter polos seus fillos, sorpréndeme a habilidade que ten Francis Ford Coppola para meterse en líos el soliño. Un tipo que dirixe e escribe The Godfather, Apocalypse Now ou Cotton Club e que suma cinco Oscars non debería figurar como director dunha curtametraxe tan lamentábel como ésta. Xa non
é que teña un guión absolutamente ridículo que, por certo, eu non acabo de entender moi ben e iso que só hai tres personaxes. O problema é que esta trama pode pasar en NY, en Amberes ou na Manchica. Polo tanto, temos unha historia á marxe da localización xeográfica que da título ao filme no cal a curta se inserta. Caralludo. O guión semella que fala dunha nena moi rica que vive nun hotel e coñece a un xoven príncipe indio, pero isto non ten moita relevancia, porque o que esta nena quere é que súa nai, que é Talia Shire, faga as paces co seu pai, un frautista interpretado por Giancarlo Giannini. Polo medio, os Coppola embarcaron ao pobre Vittorio Storaro nunha fotografía que cumpre, dentro do que cabe (¡case todo o tempo estamos no interior dalgún hotel!).E non o perdan, o vestuario, super pijo, seica foi deseñado por Sofi. Que guai. E, para que todo quede na casa, a banda sonora correu pola conta de Carmine Coppola. Que mágoa que non lle roubasen a Coppola o guión desta trapallada. Sería un impágabel favor para toda a cinefilia. El horror...




3) Oedipus Wreck (Edipo reprimido), de Woody Allen, con Allen e Mia Farrow. Aquí Allen xoga con vantaxe. Son absolutamente incapaz de criticar a súa obra. Case todos os seus filmes, por moi predecíbeis e circulares que sexan, teñen, como mínimo, cinco minutos sensacionais. Non sabería dicir moi ben cales son aquí eses cinco minutos, pero é igual. O guión é bastante bo, porque xoga coas constantes e co imaxinario allenianos, como son os diváns e os eternos problemas de parella. Neste caso unha nai posesiva que dende o ceo controla todos os movementos de seu fillo e relata a súa infancia aos neoyorkinos que estén dispostos a escoitala. A fotografía é máis que aceptábel. É de Sven Nykvist fotógrafo habitual de Allen e, sobre todo, do seu mestre, Ingmar Bergman. Por certo, como resposta a unha hipotética pregunta do trivial, os tres diectores de fotografía de New York stories gañaron, antes deste filme, un Oscar. Almendros por Days of heaven (1973), de T. Malick. Storaro por Apocalypse Now (1979) de Coppola, Reds (1981) de W. Beatty e por The last emperor (1987), de B. Bertolucci e Nykvist por Viskningar och rop (1972), de I. Bergman e máis por Fanny och Alexander (1982), tamén de Bergman. A escena que máis me gusta de Oedipus Wreck e a aparición da adiviña, Julie Kavner, por certo, a voz de Marge Simpson en USA. É unha historia moi agradábel, salferida, como sempre, da mellor música de jazz, que soa alegremente dende o principio ao fin. Nada de outro mundo, tratándose de Allen. Neste caso, un tanto a favor constitúeo o feito de que esta historia está situada despois da mamarrachada de Coppola. Polo tanto, aínda que non sexa a obra mestra de Allen, vése sen grandes problemas. Remato cunha cita sobre este director que unha vez lle lin ao crítico Miguelanxo Fernández: Woody Allen sempre fai a mesma película, a mesma marabillosa e inesquecíbel película.


Alberto Rodríguez

No comments: