Tuesday, December 25, 2007

INLAND EMPIRE: ¿xenio esgotado?

"Teño a debilidade de mergullarme no material co que traballo, de deixarme levar por el, o que non quere dicir que os meus filmes non teñan algo en común: polo menos teñen o feito de que as fixen eu, aínda que aparentemente todas elas sexan diferentes." David Lynch

A percepción da realidade dunha actriz (Laura Dern) vese progresivamente distorsionada, ao tempo que vai descubrindo que, quizais, se estea a namorar do seu partenaire (Justin Theroux) nun remake dunha producción polaca non concluida e supostamente maldita.



Por un ou por outro motivo, sempre é apaixoante analisar os filmes de David Lynch (Missoula, EEUU, 1946). A súa curta pero intensa filmografía comeza no ano 1977 coa sensacional Eraserhead, unha das miñas favoritas e chega, polo de agora, ata o 2006, co filme que hoxe examinamos, INLAND EMPIRE. Unha cuestión pacífica para a crítica é a división da carreira de Lynch en dúas partes visíbelmente diferenciadas. Nun primeiro grupo estarían filmes que fixo por encarga e que podemos definir como impersoais, se é que tal adxectivo pode aplicarse completamente a este cineasta. Neste grupo están filmes como The elephant man (1980), producido por Mel Brooks, Dune (1984), feito para Rafaella de Laurentiis ou A straigth story (1999), dirixido a petición expresa da que por aquel entón era a súa compañeira sentimental, a produtora, guionista e montadora Mary Sweeney. No segundo grupo atopáse o resto de filmes de Lynch e que aínda non citamos: Mullholland Drive (2002), Lost Highway (1997), Blue velvet (1985)... Así pois, e atendendo á citada clasificación, os parroquianos de Lynch, cal xacobinos e xirondinos, divídense tamén en dúas castes, os seguidores dos seus filmes de encarga e os do resto de filmes, os filmes máis surrealistas, máis xenuínamente "Lynch", que acaso constitúan unha leve maioría.

Pola miña banda, para dar satisfacción ás miñas voraces inquedanzas cinéfilas, tiven a oportunidade, non desaproveitada, de visionar toda a filmografía de David Lynch, agás algunha que outra curtametraxe. Dende o meu ponto de vista, o podio dos seus filmes estaría integrado por Blue velvet, Eraserhead e The elephant man. Así, dúas contra unha, podo incardinarme nos seguidores do Lynch máis bizarro, deses que desfrutan co que teña que aportar un anano ou cos problemas mentais do alter ego de Lynch que estea de turno. Se botei toda esta parrafada non foi máis que para advertir aos leitores de que non son sospeitoso de participar nas habituais conxuras mediáticas que de cando en cando se organizan dende algúns sectores da crítica co solitario obxectivo de poñer a feder a que poderíamos denominar a "metade escura" de Lynch, o seu Hyde, a parte máis freak do seu singular e fascinante universo creativo.

INLAND EMPIRE (debe escribirse en maiúsculas) é, con moito, o peor filme que puiden visionar este ano e quizais tamén poida considerarse como o peor filme da carreira de David Lynch, tomándolle a dianteira a outro filme fallido como é a precuela cinematográfica da marabillosa serie Twin Peaks, titulada Twin Peaks: fire walk with me (1992). No filme que agora examinamos, Lynch reúne a actores que colaboraron con el noutros traballos, como Laura Dern (que participa tamén como produtora), Harry Dean Stanton ou Grace Zabriskie (a nai de Laura Palmer en Twin Peaks).

INLAND EMPIRE é a película das probabilidades, unha película hipotética. Cando unha nube de xornalistas asediaba ao director tralo pase do filme que fixo no festival de Venecia de 2006, que por certo lle entregou o León de Ouro a toda unha carreira cinematográfica (merecido) con mil e unha pregunta referentes ao argumento, éste, flegmático, limitábase a responder: "pode ser". "É posíbel." E, por outra banda, non hai que máis que ler a sinopse que, coa mellor vontade, intentei encabezar a crítica: "quizais", "supostamente", moitos pontos escuros para algo que aspira a se converter en obra de arte.

-Señor Lynch, ¿podería explicar o argumento?
-Vai dunha moza que está namorada e está en problemas.

Non, non se pode dicir precisamente que David Lynch sexa unha eminencia concretando argumentos de películas. ¿Mozas namoradas e en problemas? Velaí unha presa de filmes: Casablanca (1942), de M. Curtiz, Gone with the wind (1939), de V. Fleming, Rebecca (1940), de A. Hitchcock, Cleopatra, (1963), de J.L. Mankiewicz.... ad infinitum.


O problema non reside na preguiza de Lynch perante as preguntas dos xornalistas. O problema é que o que filmou é tan, tan abstracto, que nin el mesmo, coa mellor das vontades, sabe de que carallo vai a súa propia película. Por iso non é de estrañar que en filmes anteriores, como en Lost Highway (1997) os propios actores, Patricia Arquette e Bill Pullman declarasen que non sabían moi ben que estaban a facer. Críamos que estábamos facendo isto ou aquilo, mais son puras conxeturas. En INLAND EMPIRE, seguindo as declaracións de Laura Dern, "limitábamonos a seguir as ordes de Lynch. O resultado é cousa súa." Cando o máis avezado dos cinéfilos conclúe a titánica fazaña de tragar as tres inmensas horas de metraxe do filme, non pode por menos que preguntarse: ¿que carafio acabo de ver? Eu fíxenme a pregunta. E despois veu a terríbel constatación: O filón bizarro de Lost Highway e de Mullholland Drive comeza a esgotarse. INLAND EMPIRE principia ben, un pode pensar que se vai atopar co mellor do seu director. Está todo o que me gusta: Pasillos, ecos, bágoas, personaxes estrañas (uns tipos con cabeza de coello) luces, tebras. Pero semella estar todo descomposto, abandonado á súa sorte, sen responder a esa orde, a esa harmonía que durmía no máis profundo de todos os filmes de Lynch. Era cuestión de horas, quizais de día, pero podíamos buscarlle unha explicación máis ou menos satisfactoria a todo o que víramos. Agora xa non. O filme toma altura a partires da hora e cuarto, máis ou menos e logo pérdese no horizonte. E aínda queda máis da metade, hora e pico de interminábeis e abstrusos monólogos da Dern, putas filosofando sobre como lle fede a caca a unha, porn stars como Masuimi Max falando dunha súa amiga que ten un burato na vaxina e, sobre todo, sombras, moitas sombras. Un filme cuxo guión se vai improvisando a medida que se vai facendo ten estas cousas. INLAND EMPIRE é unha mala película, unha película que semella estar dirixida por un tipo que quixese imitar ao mellor Lynch. Unha película sen textos, sen hipotextos, sen contextos, sen actores (non se sabe moi ben que pinta aí Jeremy Irons), sen personaxes, cun director que se esquece de dirixir, que está máis pendente das súas movidas da meditación e da secta que do cinema que, a fin de contas, o convertiu na admirada e recoñecida personaxe que é. Aínda por riba, pasando a un plano formal, Lynch está desapoderado dos elementos que noutrora lle propiciaron todo o seu esplendor. Por unha banda, non hai banda. ¿Onde está, que non se escoita, a música de Badalamenti? Automáticamente, cada escena de INLAND EMPIRE, se é que o artefacto se divide en escenas, perde o trinta por cento da emoción. Por outra banda, como está rodada en dixital, o cal lastra terríbelmente a beleza da produción, a fotografía vai tomar ventos, hai un déficit de luz especialmente alarmante nalgún dos longuísimos tramos da peli, sobre todo cando Laura Dern pon os caretos que, supostamente debemos ver.

Sorprendentemente, Lynch ten afirmado reiteradamente que a partires de agora rodará sempre en dixital. "Todo é moi fácil. Móntase todo no computador. E amais é moi económico." A facilidade, señor Lynch, adoito non se amiga moi ben coa arte. Así que todo apunta a que o noso director está decidido a reincidir en todos estes erros nun futuro próximo. En fin, finxirei que nesas tres horas estiven facendo outra cousa. Só por facer filmes como Blue velvet, The elephant man, Eraserhead e a serie Twin Peaks xa merecería ser indultado da delirante pira dos críticos máis xacobinos, Boyero e Rguez- Marchante incluídos. Mentres tanto seguirei a recrearme coa xenialidade das súas pinturas: Cabeza de barro con pavo, queixo e formigas. ¡Que pasada!.

P.D: En Ourense, na discoteca Siete Pecados, poñen unha música caralluda, quizais a mellor de todos os garitos que hai por aquí. Isto non ten nada que ver, pero non quería rematar con mal sabor de boca.

Alberto Rodríguez

No comments: