O chamado "Asasino do Zodiaco", rematou entre os anos 1966 e 1978 coa vida dun número indeterminado de persoas na zona de San Francisco, ao tempo que remitía cartas con pistas, a xeito de xogo, aos medios de comunicación. A historia céntrase nas longas investigacións de 2 detectives (Dave Toschi e Bill Armstrong) que intentaron darlle caza, así como as de 2 xornalistas (Paul Avery e Robert Graysmith) que intentaron averiguar a súa identidade.
A obra mestra de David Fincher e, se os Coen non o remedian, o mellor filme que puiden visionar este ano, chámase Zodiac, un intenso whodunit baseado en feitos reais e que pode considerarse unha versión corrixida e aumentada doutra sensacional peli de Fincher, Seven (1997) protagonizada por Brad Pitt e máis por Morgan Freeman. No filme que nos atinxe, o serial killer de turno, como Kevin Spacey, tamén desfruta tomándolle o pelo á policía, neste caso a través de criptogramas que rompen os miolos dos dous xornalistas que investigan pola súa conta, espléndidamente interpretados por Jake Gyllenhaal e sobre todo por Robert Downey JR. Trinta anos despois, non se sabe exactamente o número de vítimas que deixou tras de sí o sanguiñento asasino, coñecido tamén como o Jack o Destripador norteamericano e que actuou con grande habilidade en catro xurisdiccións distintas. Entre as vítimas podemos contar os catro homes que infrutuosamente seguiron a súa pista que, ademais de poñer en risco as súas vidas, hipotecaron as súas carreiras e , nalgún caso, a súa propia convivencia familiar. O filme baséase no libro que sobre os feitos escribiu un dos xornalistas, o debuxante do Chronicle Robert Graysmith.Narrada ás veces como unha reportaxe xornalística e outras como un emocionante thriller, en Zodiac Fincher amosa novamente o virtusismo ao que nos tiña acostumados. O filme está contado cuns recursos e cunha economía narrativa verdadeiramente admirábeis. Tanto é así que case non hai unha pingota de sangue nas máis de dúas horas de metraxe. O director fuxe do escabroso para centrarse no aspecto estritamente sicolóxico, na obsesión que perseguiu a estes individuos e no terrorífico misterio que envolveu durante moitos anos a sociedade norteamericana e que ata o de agora ninguén conseguiu resolver. O suspense constrúese sempre do mesmo xeito. Unha xornada apacíbel á beira dun lago, en Riverside, por exemplo. De súpeto a moza ve un individuo que se achega. A cámara búscao, mais Fincher decide non amosalo. Cando o vemos, o asasino está xa á altura das vítimas. Antes xa houbera máis mortos. Estamos avisados. Sabemos que vai acontecer o inexórabel. Mais non podemos deixar de mirar. Neste sentido, recomendo o visionado doutro filme mítico, Tesis (1995) de Alejandro Amenábar, que ten un dos comezos máis fascinantes que teño visto en moito tempo. Nese comezo están metafóricamente resumidos os principios elementais do cinema de suspense. O espectador non pode resistir a tentación de mirar. Somos voyeurs por natureza, como explicaba Hitchcock e esta é unha das bazas coas que debe xogar o director. Neste sentido a disposición dos planos é decisiva. Fincher sábeo e xoga constantemente coas referencias espaciais das personaxes, coas caras descompostas das pobres vítimas, mais non se recrea nisto, malia que en ocasións agranda deliberadamente os tempos das secuencias que filma, buscando agrandar tamén a crecente anguria do espectador. En Seven había outro factor inquedante, o meteorolóxico. Lembren vostedes que o filme se desenvolvía boa parte da metraxe baixo a chuvia. Aquí este elemento non é importante. O importante é a desesperación que pouco a pouco comeza a atenazar aos impotentes perseguidores deste voraz carniceiro, unha loita contra o reloxo que finalmente perderán. Así é importante facer ver como pouco a pouco se van desentendendo do caso e a personaxe que encarna Robert Downey JR. mesmo abandona a redacción do xornal. Só resiste un, o debuxante Graysmith, que consegue reunir un bo número de indicios e elementos incriminatorios contra un sospeitoso, ata que un dos policías, ao final do filme, acaba por convencelo para que desista, cunha frase memorábel: "que algo sea cierto no significa que puedas demostarlo." En definitiva, recomendo vivamente o visionado desta xoia do suspense, un suspense que David Fincher elabora minuciosamente, como un experto reloxeiro e que nunca decae ao longo de todo o filme, algo moi difícil de conseguir, se temos en conta que dura case tres horas. Seis euros ben gastados. Ouro puro. E, como sempre, os Oscars pasarán dela. Poden xuralo.
Alberto Rodríguez
Tuesday, December 18, 2007
ZODIAC: suspense químicamente puro
Subscribe to:
Post Comments (Atom)
No comments:
Post a Comment