Tuesday, March 18, 2008

In memoriam: Anthony Minghella (1954-2008)





Hoxe os xornais dixitais deixan unha tráxica nova: o pasamento do xenial director británico Anthony Minghella. Un deses cineastas que o meu amigo Pablo R. Vázquez definía como director “illa”1. Nefeito, O talento de mr. Ripley (1999) era un bo filme e Cold Mountain (2003), aínda que ás veces se fai algo tediosa, tampouco estaba mal. Mais, sobre todo, Minghella será lembrado para sempre por dirixir unha das máis grandes superproduccións da década dos noventa, xustamente bendecida pola Academia con nove Oscar: O paciente inglés (1996). Un filme inolvidábel, estremecedor, escandalosamente romántico, exóticamente evocador, de texturas exquisitas e que respira a melancolía coa que traballaron os grandes mestres do xénero, principalmente David Lean e Nicholas Ray. Certamente, O paciente inglés vén a confirmar que, en ocasións, a película supera amplamente a novela, neste caso un best-seller de Michael Ondtaaje. A interpretación de Juliette Binoche como esa abnegada enfermeira, Hana –xustísimamente galardonada co Oscar- é unha das máis memorábeis que vin en moitos anos e a súa historia de amor mesmo eclipsa o romance principal, o que protagonizan as personaxes de Ralph Fiennes e Kristin Scott Thomas. Unha sorte de Julie Christie bis, que soporta encol dos seus ombreiros boa parte do interese do filme. A arrebatadora escena do final, bicándose co zapador hindú á romántica luz da antorcha e convenientemente adozada coa excepcional partitura de Gabriel Yared, forma parte do meu imaxinario privado, no que atinxe a bicos míticos, quizais ao carón do que lle espeta Cary Grant a Ingrid Bergman en Notorious (1946), de Hitchcock ou o de Clark Gable e Vivien Leigh en Gone with the wind (1939), de Victor Fleming. Minghella morreu un triste dezoito de marzo de 2008. Por sorte, o seu talentoso cinema non morrerá endexamais. O paciente inglés será lembrado por moitos anos, seguro. Ars longa, vita brevis. Descanse en paz, mr. Minghella e grazas por todo.

1 Non en van, confirmando a súa condición insular, Minghella naceu no día de Reis do ano 1954 na illa de Wight (Reino Unido).

Alberto Rodríguez

No comments: