Tuesday, October 10, 2006

Bogie en Banda Aparte


O vindeiro venres, 13 de outubro, Alberto e Pablo repasan a vida e obra de Humphrey de Forest Bogart, un dos grandes tipos duros da Historia do Cinema. Dende o seu primeiro grande éxito en Broadway, The Petrified Forest ata o seu derradeiro filme, en 1957, The harder they fall, de Mark Robson, a carreira deste mítico actor, nado en New York o día de Nadal de 1899, comprende algúns dos filmes máis extraordinarios rodados desque os Lumière patentaron o cinematógrafo. Casablanca, O falcón maltés , A raíña de África, O sono eterno, Ter ou non ter, A condesa descalza... así ata un total de 65 inesquecíbeis títulos. Mergúllese con Alberto e Pablo na vida e milagres de Bogie, un suxeito fundamental para comprender a chamada Idade de Ouro de Hollywood e que foi homenaxeado, entre outros, por Godard en A bout de soufleè (1957), o filme que inauguraba a Nouvelle Vague francesa. Xa sabe, amigo, o venres, 13 de outubro, a partires das seis da tarde, no 107.2 da FM ou on-line en www.allariz.com. Porque, como di o crítico Oti Rodríguez-Marchante, "calquera cousa que lle vaia pasar a vostede hoxe, teña por seguro que xa lle pasou antes a Cary Grant, a Bogart ou a Brando." (Na foto, Bogart coa súa dona, a xenial Lauren Bacall e máis coa voluptuosa Marilyn Monroe).

No comments: